Velos na tebra

แชร์
ฝัง
  • เผยแพร่เมื่อ 9 พ.ย. 2024
  • 8ª Chanfaina Lab (6). Estrea: venres 15 de marzo do 2024
    Guión e dirección: Iago Lourido
    Coa colaboración de Joám Cortizas Fernández e Xoán Rodriguez Caridad
    Sinopse: “Unha obra feita para ver coa mirada desenfocada. Unha obra de Fe, de Anxos e miradas de Curuxas. Esta é unha experimentación sobre os seres que habitan a natureza e que non podemos ver agás na Tebra; so podemos, Velos na Tebra”.
    Duración: 5' 32"
    Gravado no Castelo e a Fervenza de Naraío, Ruta do Río Castro e Forgoselo dentro do programa da 8ª Chanfainalab
    Iago Lourido (Ferrol-Naraío, 2004)
    Despois de vivir en Ferrol durante tres anos, a súa familia trasladouse a unha casa en Naraío, lugar do que realmente síntese veciño e pensa seguir chamando “casa” toda a súa vida. Estudou no CPI San Sadurniño dende os tres ata os dezaseis anos, aí formou o seu grupo de amigos cos que manterá contacto permanente coma Pablo ou Catalina, e tamén personaxes moi presentes coma Joám. Daquel tempo son as primeiras participacións na Chanfainalab coma "The Sansa stomp" (2019) e "Cando ruxe o formigueiro 2.0" (2020)
    Ao rematar a ESO estudou o Bacharelato de Artes no IES Concepción Arenal de volta a Ferrol, onde confirmou que definitivamente, non era o seu lugar, e simplemente estaba de paso. Despois matriculouse no Ciclo Superior de Fotografía na EASD Mestre Mateo de Compostela, onde o mundo real o fíxoo medrar a todos os niveis e madurar coma persoa e artista. A día de hoxe ten realizado exposicións en lugares como Dzine, no propio San Sadurniño, ou a Facultade de Filoloxía da USC. De momento aí sigue, e de seguro que o futuro ampare grandes cousas na súa traxectoria persoal e artística.
    Para a Chanfainalab é un orgullo que aquel grupo de cativos que crearon as súas primeiras pezas durante a ESO continúen participando, agora dende outra mirada estilizada e amosando unha madurez creativa impresionante, como no caso de Iago. Ademais nesta edición colaborou nas pezas doutros cineastas chanfaineiros como"Xangal, detective paranormal" de Xoan R Caridad, "O encanto da natureza" de Cataliña Rodríguez ou "O seixo sentido" de Noa Cortizas e Suevia Fernández ”Inicialmente a miña peza ía ser algo totalmente distinto, quería facer algo máis contemporáneo, lonxe do meu traballo dos últimos anos. A miña idea era representar unha lenda escrita por min, chamada "Casco Castaña", que á súa vez estaba inspirada nunha lenda sobre unha gran serpe e a Fervenza de Naraío, unha historia que incluía elementos que formaran parte da miña vida e o meu entorno; pretendía representar a maxia e as fermosas historias que as veces están ao noso carón sen que as valoremos. Utilizando técnicas mesturadas, debuxo e vídeo quería completar a realidade da historia, sen embargo por diversas circunstancias resultou unha peza diferente, aínda que coa mesma esencia. Foi complicado, xa que case no último momento tiven que rexeitar o proxecto orixinal e, co material que tiña xa gravado, sustentar un novo concepto que dese lugar a unha obra nova. Foi difícil sobre todo porque nunca fixera algo similar e quería facelo ben, polo que busquei boas referencias, unha idea clara e unha estética atractiva para crear unha peza final coherente, experimental con xustificación e que incitase á reflexión”.
    "Velos na Tebra" é un sorprendente xogo de luces, cores e sombras exquisitas no que Iago fainos mirar o que se non se ve, ou que se si se mira e observa, un artefacto de xogos visuais que non é habitual nun novísimo cineasta de 19 anos, con mirada propia, que agardamos teña unha estimulante traxectoria no futuro inmediato. “Penso que é unha obra experimental, un achegamento ao xintoísmo e a fe, un concepto que ultimamente faille dar voltas á miña cabeza, e que tratei de representar nunha experiencia sensorial, influenciada polas obras pilares do cinema coma "Os Nibelungos" de Fritz Lang, onde utiliza ese recurso de coloreado que tamén utilicei, polos anxos reais segundo a Biblia, criaturas case aterradoras pero tan belas que paralizarían as almas, e cun deseño sonoro moi envolvente, que métese de cheo na experiencia e posiblemente faite ver esas posibles deidades que se encontran á vista de todos pero que só algúns poden ver”- Así pois, deixémonos levar por esta viaxe de exploración persoal de Iago “capturando” fermosas imaxes con alma polo noso territorio. Para a organización da Chanfainalab volve a ser motivo de orgullo e unha honra o compromiso activo de rapaces tan creativos como Iago e os seus colegas.
    📬chanfainalab@gmail.com
    / chanfainalab
    / chanfainalab
    / chanfainalab

ความคิดเห็น •