25 Aniversario IES Chapela

แชร์
ฝัง
  • เผยแพร่เมื่อ 9 ต.ค. 2016
  • 25 ANIVERSARIO do IES Chapela
    No ano 1987 distintos colectivos veciñais e políticos da localidade solicitaron a construción dun instituto en Chapela debido á dispersión do alumnado da zona en Centros de Redondela e Vigo. O compromiso da Xunta de Galicia de dotar á parroquia dun instituto non chegou a concretarse, e pasados os anos o proxecto continuaba paralizado. En xuño de 1990 a veciñanza de Chapela decidiu en asemblea iniciar mobilizacións con cortes periódicos de tráfico no Alto da Encarnación que se prolongaron durante máis dun mes. O daquela Conselleiro de Educación, Piñeiro Permuy, e o Alcalde redondelán, Xaime Rei, polemizaron nos xornais deses días culpándose mutuamente do fracaso do proxecto debido a falta de terreos. Así as cousas a Consellería de Educación ofrecía ao alumnado de Chapela que se trasladase aos institutos de Redondela en horario vespertino ou nocturno. As mobilizacións chegaron á Consellería en Santiago de Compostela, e seguían contemplando non só a creación dun centro de Bacharelato, senón que este incluíse a Formación Profesional. Só un mes máis tarde do inicio das protestas veciñais, a Consellería propón a posibilidade de ubicar provisionalmente as instalación do Instituto de Bacharelato de Chapela nos baixos do pavillón polideportivo da localidade, mentres se inicia a construción do novo Centro. A proposta é aceptada polas veciñas e veciños e o 8 de outubro de 1990 comezan a funcionar as primeiras aulas de 1º e 2º BUP como extensión do IES Mendiño de Redondela.
    En marzo de 1991 iníciase a construción do edificio que empeza a súa actividade un 14 de outubro con 400 alumnos e alumnas e 27 profesoras e profesores. O IESP Chapela, Instituto de Ensino Secundario e Profesional. O alumnado, ademais de Chapela, procede tamén do concello de Vigo, e cursa os estudos de BUP e COU. No curso 92-93 entra en funcionamento de xeito anticipado no Centro a reforma educativa LOXSE, simultaneando o BUP e COU co novo 3º ESO. Tamén comeza a impartirse a FP-II de Educadores de Diminuídos Psíquicos, e no curso 93-94 o ensino de FP-II en horario nocturno.
    Son anos duros, nos que faltan medios e persoal, e nos que alumnado, pais e nais, e profesorado, reivindican con mobilizacións constantes un ensino público de calidade para Chapela. Ao comezo do curso 94-95, a Dirección presenta a súa dimisión polas carencias económicas e de infraestruturas que ten o Centro, dimisión que é aceptada pola Consellería. Mais todo o esforzo realizado servirá para que o IES Chapela sexa hoxe en día o que é.
    Desde aquela moitos cambios a nivel de persoal, de infraestruturas, de leis educativas... Miles e miles de alumnas e alumnos das idades máis dispares pasaron por un instituto que hoxe conta con 800 alumnos e alumnas, unha plantilla de case 70 profesores e profesoras, e 8 membros do persoal non docente. Un IES Chapela, que ademais da ESO e do Bacharelato ofrece ciclos medios de Farmacia e Parafarmacia, de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, e ciclos superiores de Dietética, Documentación Sanitaria, Educación Infantil e Integración Social, todos en réxime ordinario salvo Integración Social, e todos en réxime adultos, exceptuando Documentación Sanitaria.
    É por todos estes esforzos compartidos que durante 25 anos vén realizando tanta xente, que este curso 2016/17 o IES Chapela celebra o seu aniversario.
    Este pequeno audiovisual que podedes visionar serve para lembrar parte do que fai a súa historia. Coa música do compositor e pianista surcoreano Yiruma, River flows in you (versión para piano e cello de David e Samuel Solis), co tema Love Story meets Viva La Vida (que aúna o tema Love Story de Taylor Swift e Viva La Vida de Coldplay nun arranxo de Jon Schmidt, pianista de Piano Guys,), xunto a algo máis que unha presada de imaxes da nosa historia, vos deixamos.
    Longa vida ao IES Chapela e ao ensino público de calidade!
    Chapela, 11 de outubro de 2016

ความคิดเห็น •