“Os concellos non podemos deixar de percibir o previsto na participación dos ingresos do Estado”
ฝัง
- เผยแพร่เมื่อ 9 ก.พ. 2025
- Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2025.- Declaracións do presidente da FEGAMP, Alberto Varela, en Hora 14 da Cadena SER Galicia sobre a derrogación da actualización dos ingresos a conta de 2025 e a liquidación definitiva da participación dos ingresos do Estado de 2023 para as entidades locais galegas como consecuencia da non aprobación do Real Decreto Lei omnibus da semana pasada.
Para a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) a non convalidación do Real Decreto Lei omnibus no Congreso dos Deputados a semana pasada va ter importantes consecuencias económicas para os concellos e deputacións galegas, xa que derroga a actualización das entregas a conta para 2025 e a liquidación da participación nos ingresos do Estado de 2023, sumando ambas contías máis de 177 millóns de euros.
Derrogada a actualización das entregas a conta correspondentes ao ano 2025 para as entidades locais galegas, a cantidade prorrogada será a correspondente a xaneiro de 2024. Desta maneira, os concellos e deputacións galegas deixan de ingresar unha suma de case sesenta e dous millóns e medio de euros do incremento aprobado no Real Decreto-Lei 4/2024, de 26 de xuño e que queda sen validez pola derrogación.
Concretamente os concellos de menos de 5.000 habitantes perden case dous millóns; os concellos de entre 5.000 e 20.000 perden máis de sete millóns e medio; os concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes perden máis de catro millóns; os concellos de entre 50.000 e 75.000 habitantes perden máis dun millón; os concellos de máis de 75.000 habitantes perden máis de catorce millóns e medio, e as deputacións perden case trinta e dous millóns e medio de euros.
Tamén queda sen aplicación a liquidación definitiva na participación nos ingresos do Estado dos concellos e deputacións galegas correspondente ao ano 2023. A día de hoxe non existe regulación para esa liquidación, o que supón para as entidades locais galegas outra perda de case cento quince millóns de euros, dos que case cincuenta oito millóns os perden as deputacións; máis de trinta e tres millóns os perden os concellos de menos de 75.000 habitantes; e case vinte e catro millóns de euros os perden os concellos de máis de 75.000 habitantes.
Por todo isto, dende a FEGAMP se apela á responsabilidade das forzas políticas parlamentarias para evitar máis agravios económicos ás entidades locais galegas, e ao compromiso do Goberno para unha urxente resolución desta situación.