Alalá nº 111 "Ricardo Portela" - TVG
ฝัง
- เผยแพร่เมื่อ 16 ธ.ค. 2024
- Alalá nº 111 "Ricardo Portela" - TVG
Emisión: 19/05/09
Homenaxe a Ricardo Portela coa edición do CD Foliada das Rías Baixas, de Edicións do Cumio, interpretado por moitos dos mellores intérpretes de música galega na actualidade.
Disco: gaiteirosgalego...
Seu pai xa era gaiteiro e acordeonista. Tiña tres irmáns, Alba e Xesús e Xosé, estes últimos tamén músicos. Con 12 anos mudouse coa súa familia a Vigo, onde recibiu clases de gaita de Xosé Oliveira Blanco, O Moreno de Lavadores. Coa chegada da guerra civil o seu mestre marchou á fronte, e o pai de Ricardo foi ameazado de morte polos falanxistas.
En 1939 incorporouse ao servizo militar, e pasou polos cuarteis de Vigo, Lleida, A Coruña, Tàrrega, Mataró (onde lle roubaron a gaita), Granollers, outra vez Mataró, e Pontevedra. Rematou o servizo en 1945. En 1944 casara con Osita Laredo, coa que tivo á súa filla Rosa. Máis tarde mudáronse a Lugo.
Tras 13 anos sen tocar a gaita, ao non atopar unha de calidade similar á que lle roubaran, coñeceu o vigués Antonio Fernández, que tiña unhas de ébano que pertenceran a Faustino Santalices. Por mediación de Antonio Fernández, Portela coñeceu un artesán de Lugo que seguía as directrices de Santalices, encargándolle dúas gaitas afinadas en dó.
En 1955 emigrou a Venezuela, onde fundou a Escola de Gaita do Lar Galego de Caracas. Ao regreso en 1959 estableceuse en Pontevedra como protésico dental e posteriormente como celador no Hospital de Montecelo.
En 1979 escoitou una gaita feita por Xosé Seivane que lle lembrou á que lle roubaran. Con esa e as outras dúas gravou o seu legado musical. O seu primeiro disco, de 1968, xunto co seu irmán Xesús e tres percusionistas vigueses. En 1980 aparece Festa en Viascón, co que se faría moi coñecido nos círculos gaiteiros. Portela chegou a tocar na Universidade de Santiago, por iniciativa de Filgueira Valverde no ano 1985. O seu último disco, Alborada en Cotobade, apareceu no ano 1990.
Nos últimos anos sufriu unha anxina de peito, e os médicos recomendáronlle que deixase a música. Os seus amigos idearon un sistema para facilitarlle o sopro, e seguiu tocando decotío. Malia que tiña dito que quería morrer tocando a gaita, non puido ser. Faleceu dun ataque ao corazón.
Ricardo Portela está considerado como un dos grandes gaiteiros tradicionais, e foi un gran defensor da dignidade do instrumento ao manterse afastado dos círculos oficiais que o relegaban a instrumento para amenización e exhibición patriótica, como curiosidade exótica, pintoresca, dun indixenismo inocuo. Na súa memoria o concello de Pontevedra organiza desde o ano 2000 o "Memorial Ricardo Portela e Irmáns Pichel", un concurso con participantes de toda Galiza na categoría de toque pechado en solista.